a faba

O produto amparado pola IXP "Faba de Lourenzá" son feixóns secos (fabas) separadas da vaíña procedentes da familia das Fabaceas ou leguminosas, especie "Phaseolus vulgaris, L", da variedade local coñecida como "Faba Galaica"; sas, enteiras, limpas e destinadas ao consumo humano.

A "Faba Galaica" presenta unhas características cualitativas que a diferenzan doutras fabas e que a fan moi demandada polos consumidores. Posúe unha calidade culinaria excepcional motivada pola súa escasa proporción de pel (entre 8-10%); pola súa elevada capacidade de absorción de auga, superior ao 100%; e polo seu comportamento en cocción, conseguíndose ao final do proceso grans enteiros e completos, nos que destaca a pastosidade da súa polpa, exenta de grumos e escasamente diferenciada da pel.

cultivo

A sementeira das fabas realizarase entre os meses de maio e xuño, con semente certificada, de reemprego controlado da propia explotación ou con sementes procedentes doutras plantacións inscritas nos rexistros do órgano de control. Para conseguir unha nascencia satisfactoria empregarase semente en perfectas condicións, enterrándoa a unha profundidade de 2-5 cm.

O sistema de cultivo tradicionalmente empregado nesta faba de enrame é en asociación co cultivo de millo. Con todo nas últimas décadas foise introducindo o monocultivo, realizado con estacas duns 2,5 metros de altura cada 3-4 m en liñas de cultivo, unidas polo seu extremo superior e inferior con arame tensado. Entre os arames colocarase cordón ou malla, por onde irá rubindo a planta.

A faba é unha planta moi sensible á falta e/ou exceso de auga, especialmente na floración, polo que require solos con adecuada e regular humidade.

A recolección realízase desde finais de agosto a finais de novembro, en función do estado de madurez das plantas e a cor das vaíñas. Poderase realizar de modo manual, na planta sobre o terreo, recollendo vaíña a vaíña, ou procedendo ao arranque da planta para o seu posterior secado en lugares adecuados.

almacenamento e conservación

Os locais de almacenamento e conservación que acollan a produción deben posuír sempre as adecuadas condicións hixiénico-sanitarias. Unha vez que a produción con destino á IXP se atope nos almacéns ou plantas envasadoras, someterase ao seguinte proceso:

Selección e criba: eliminado os grans defectuosos, impurezas, etc.

Introdución en cámara frigorífica: un mínimo de 48 horas, para evitar a aparición de gurgullo e a consecuente deterioración das características físicas e organolépticas.

Calibrado e selección: clasificación por tamaños e categorías, e eliminación das producións que non cumpren os requisitos establecidos polo órgano regulador.

Almacenamento: en locais frescos e secos ata o momento do seu envasado.

etiquetado

As fabas secas comercializadas baixo o amparo da indicación xeográfica protexida "Faba de Lourenzá", deberán levar, tras a certificación, a etiqueta comercial correspondente á marca propia de cada produtor/envasador e unha etiqueta de codificación alfanumérica con numeración correlativa, autorizada e expedida polo órgano de control, co logotipo oficial da indicación xeográfica protexida .

Tanto na etiqueta comercial como na etiqueta propia do órgano regulador figurará obrigatoriamente a mención indicación xeográfica protexida "Faba de Lourenzá"

na túa mesa

Son innumerables as citas bibliográficas relacionadas coa gastronomía galega nas que se destacan ás fabas. Entre elas está "A cociña galega", libro de Álvaro Cunqueiro e Araceli Filgueira Igrexas (1973), obra cume da gastronomía galega.

Podes combinar as fabas con multitude de pratos. Son saborosas no tradicional caldo galego, en fabadas, con ameixas, mexillóns, polbo e como non con carnes. Atrévete a poñelas en calquera prato.

A faba é ideal para aquelas persoas que teñan un colesterol alto, xa que a fibra soluble que contén favorece a concentración saudable das graxas no sangue, axudando a combater problemas de carácter cardiocirculatorio. O seu contido en fibra alivia e mellora o tránsito intestinal. Ademais as fabas reducen a velocidade de absorción de azucres, axudando a regular a glicosa presente no sangue.

Información

Esta web está financiada en el programa de desarrollo rural 2014-2020 en la submedida:

3.2. Apoyo a las actividades de información y promoción realizadas por grupos de productores en el comprado interior

Para detalle de financiación puede consultar el reglamento de desarrollo rural y el Programa de desarrollo rural para Galicia (a partir de la página 286):

Regulamento de desenvolvemento rural, Programa de desenvolvemento rural para Galicia